Desde hai varios meses, as asociacións de tradutores e intépretes do estado están a facer un traballo calado mais de fondo sobre a aplicación da directiva europea que di como deberán ser de agora en adiante os servizos de tradución e interpretación na xustiza.
Este traballo implica sobre todo tentar que os profesionais da tradución e interpretación reciban un pagamento digno, mais vai moito máis aló. Seguramente o problema é que os destinatarios destes servizos están entre as persoas máis desprotexidas e con menos defensores desta sociedade. O servizo de tradución e interpretación na xustiza está pensado para poder cumprir co dereito das persoas a coñecer os seus dereitos e imputacións na súa lingua dentro da UE.
As asociacións de tradutores reclaman que o pagamento dos profesionais sexa digno, pois nas condicións actuais é bastante difícil que o servizo poida cumprir co seu obxectivo. Por unha banda, a Xunta acaba de outorgar a concesión deste servizo a unha empresa que anda procurando intérpretes dun grande número de linguas, con formación de grao medio e sen experiencia profesional.
O que piden as asociacións profesionais (aquí pódese ler o comunicado emitido pola APTIJ e a Rede Vértice https://dl.dropboxusercontent.com/u/19558884/Comunicado%20APTIJ-V%C3%A9rtice_07.07.14.pdf) non é máis que a profesionalización deste servizo e a selección do persoal conforme a requisitos verificábeis, relacionados unicamente cos méritos profesionais e non cos intereses económicos de ningunha empresa.